Skip to content
Submissions are now open for the 2021 Poems in Translation Contest, judged by Airea D. Matthews! Click for guidelines and to submit.
from the March 2021 issue

Ensaios, Ou as flores de okra abriron e pecharon durante a eclipse

a luz é coral e vén doutro mundo:
ondeamos

 

And all I lov’d-I lov’d alone.
Edgar Allen Poe

 

 

1. Un catálogo para Karl Blossfeldt.
2. Unha creación onde só se poida mirar frontalmente, e se celebrea sección, o detalle, os dedos que retiran pétalos e sépalospara descubrir
3. a corola (crisantemos)
4. as estrutras (salvia)
5. un mundo que case non existe: interior, esporas, silencios (nada mellor que a paniculata para entrever o silencio).
6. Con varios aumentos, a materia orgánica pode transformarse en metal, escultura, crebanoces profusamente tallado, un delirio tsarino despois dos tsares.
7. Detrás de cada escolla, frechas vexetais, pinceis, veludo, manipulación e xogo de luces; a fascinación receosa dos botánicos.
8. Karl monta na bicicleta e deixa atrás o correúdo núcleo de Berlín. Observámolo pedalear desde as alturas, trazando innúmeras elipses até as aforas, e recordamos un verso de Jorie Graham, o verso que explica a fascinación da criaturas mariñas polo rastro da lúa nas augas:
9. “Algo que foxe tan constantemente debe ser desexábel”. Vid. “Ambergris”, en Hybrids of Plants and Ghosts, 1980.
10. A revelación pode darse en Potsdam ou Teufelsee, ao pé dun carreiro.
11. Karl dóbrase ante calquera espécime salvaxe:
12. un botón azul, liques, o xesto dun fento ao despregar os brazos.
13. Resulta difícil negar as evocacións, elevación e curva do talo, man repregada—practicamente, a quatrième position dunha bailarina no German Staatsballett.
14. En 1929, Walter Benjamin describe o traballo de Karl Blossfeldt como “unha enteira, insospeitada horda de analoxías e formas na existencia das plantas”. Vid. “News about Flowers”, do ano citado.
15. “Horda”, escribe (que é escribir fragor, tumulto de batalla), sen saber que ascenderá a 6000 o conxunto de fotografías de plantas tomadas entre 1890 e a súa morte, en 1932.
16. Era botánica a inspiración das columnas dóricas? Das coroas romanas? Dos coros góticos?
17. Cando dis inspiración, que queres dicir realmente?
18. Latexa, nas palabras de Karl, unha certa ansia de restitución, a revelación constante de afinidades electivas entre as formas artísticas e as naturais, algo case etimolóxico,
19. suave como a palabra “bálsamo”, que cruza o río Xordán, nos vales de Siria, e unxe os labios e os corpos.
20. Isto, Karl, son aproximacións a unha Canna indica en branco e negro.
21. Durante certa franxa da mañá, algunhas das follas oblongas tropicais da cana son capaces de transparentar a luz do sol.
22. A luz fíltrase polos tecidos e subliña as nervaduras da planta.
23. Respecta os talos e as zonas de transición. Prende nos bordes.
24. Co caer do día, outra tanta rebota na superficie encerada e evidencia as ondulacións, as marcas da terra e as chuvias.
25. Tamén a tersura, non ves?
26. En canto a ela, perenne, medra doadamente até os dous metros, presente flor e froito, recóllese sobre si mesma; non respondería ben ao illamento ou a extracción.
27. Como decidir aquí entre coreografía ou arquitectura?
28. Urais ou ceo?

Read more from the March 2021 issue
Like what you read? Help WWB bring you the best new writing from around the world.